«As persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos»
(María Victoria Moreno)
Hoxe celebramos en Galicia un día moi especial. O Día das Letras Galegas. Nesta xornada homenaxeamos, desde 1963, ás persoas que coa forza da palabra escrita defenderon o noso idioma: a lingua galega.
Así, este ano dedícase á figura de María Victoria Moreno (por certo, a cuarta muller en 55 anos…). Estremeña de nacemento, estudou Filosofía e Letras na Universidade Complutense de Madrid e trasladouse a Pontevedra en 1963. Nesta cidade viviu ata o 21 de novembro de 2005, data do seu falecemento.
Ademáis de ser unha muller con fortes conviccións, ante todo e sobre todo sentíase galega, estaba comprometida coa nosa terra e identificábase plenamente coa nosa lingua. Foi unha activista a favor da cultura de Galicia e gozaba escribindo e lendo a nosa literatura.
Da xeración do oitenta, quen non leu Anagnórise? Esta obra de 1988 considerada un clásico dentro da literatura xuvenil galega. Chegaron a publicarse en poucos anos ata vinte edicións deste título. Sabes por que? Pois por frases como a cita desta publicación: son as primeiras liñas deste éxito literario. Evocador, non é? Ben podería ser tamén esta cita o seu epitafio.
Desencarnado é o seu libro Diario da luz e a sombra (2004), afastado da literatura xuvenil que a consagrou. Nel, conta a súa experiencia co cancro. Foi o seu desafogo literario cheo, iso si, de boas dosis de ironía e moita retranca galega.
Seguro que che quedaron ganas de saber máis sobre María Vitoria Moreno. Na páxina da Real Academia Galega danche a oportunidade de coñecela a ela e á súa obra.
Hoxe é o día de María Vitoria, pero tamén de todas as mulleres e homes que defendemos a letras galegas, a cultura do noso pobo e a súa riqueza lingüística.